miércoles, 5 de junio de 2013

As Xuventudes Socialistas de Ferrol chaman á xestión alimentaria sostíbel no Día Mundial do Medio Ambiente

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) sumáronse á campaña “Pensa. Aliméntate. Aforra” impulsada polas Nacións Unidas para a conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente do 5 de xuño. O obxectivo desta campaña, que levarán a cabo a través da difusión de información e dun manifesto nas redes sociais, é “a redución da cantidade de comida que remata ao ano no lixo”. “En Galicia son 242 toneladas as que se tiran anualmente, unha das taxas máis baixas do país na reutilización das sobras”. 

O secretario xeral, Aitor Bouza manifestou en nome das XSG-Ferrol “a súa preocupación polo momento de crise no que se atopan moitas familias galegas que teñen que facer uso dos comedores sociais”. “Máis de 80.000 familias contan con todos os seus membros en paro e as partidas para o financiamento dos bancos de alimentos son cada vez menores”. “Vemos así a inxustiza social que supón este desperdicio de comida cando é unha necesidade dunha boa parte da nosa sociedade” –engadiu. 
Os mozos e mozas socialistas aludiron tamén ás “repercusións medio ambientais asociadas. “Se desperdiciamos comida significa que todos os recursos empregados para producila tamén o son”. “Asemade –explicou Bouza– estas toneladas convertidas en residuos teñen que ser tratadas producindo gas metano, un dos gases de efecto invernadoiro responsábel do cambio climático”.  

Bouza instou ás administracións públicas “a facer esforzos para reconducir esta situación, incorporando planificacións no sector hostaleiro e favorecendo un consumo responsábel que fomente a compra en mercados locais”. “O Estado debe promover un acordo entre organizacións sociais e representantes da industria agroalimentaria que permita un aproveitamento eficiente dos alimentos”.

Neste sentido, o líder das XSG-Ferrol propuxo diferentes accións como “a flexibilización dos criterios mínimos de estética dos produtos, a promoción da cooperación entre os diferentes axentes da industria alimentaria, a redistribución dos excedentes ou a difusión de boas prácticas entre os diferentes Concellos, comunidades e países”. 



“É esencial –concluíu o dirixente socialista– o fomento de cursos educativos sobre alimentación que fomenten unha cultura de aforro e reutilización das sobras”. “O mellor método para eliminar a destrución contaminante dos residuos é evitar a súa produción e para iso é imprescindíbel a concienciación nesta materia”. 




viernes, 10 de mayo de 2013

XSG-Ferrol: “reformar a Lei IVE é unha labazada de Gallardón aos dereitos de todas as mulleres”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol esixiron hoxe “a retirada da reforma que ten intención de impoñer o goberno de Mariano Rajoy en materia de aborto e saúde sexual e reprodutiva”.
O secretario xeral, Aitor Bouza, definiu a proposta de reforma da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo como “un retroceso propio de tempos franquistas que amosa unha posición ultraconservadora por parte da dereita española retirándolle o dereito a decidir ás mulleres”. 

O líder das XSG-Ferrol reivindicou a “Lei IVE aprobada polo Goberno socialista baseada en prazos que lexitimaban o dereito a decidir das mulleres”. Para Bouza, esta lexislación “non se trataba simplemente dunha ‘Lei do aborto’, senón dun plan que acadou a diminución do número de interrupcións voluntarias do embarazo grazas ao aumento da educación sexual e reprodutiva”.

Bouza cuestionou a constitucionalidade desta reforma, xa que “non garante os dereitos fundamentais das mulleres”. “O que propón o Partido Popular constitúe un gran risco para a súa vida e a súa saúde e condena a súa liberdade de decisión obrigándoas a recorrer á clandestinidade para dispoñer deste dereito”.

En opinión das Xuventudes Socialistas de Ferrol, “a reforma da Lei IVE corresponde exclusivamente a razóns ideolóxicas lideradas pola Igrexa católica e retoma as condicións que establecía a lei do ano 85, relegando a España á cola dos dereitos das mulleres con respecto ao resto de países europeos”. 

“O Partido Popular non pode insultar de novo á cidadanía promovendo a idea de que esta reforma atende a razóns de austeridade” –engadiu Bouza. “A igualdade entre homes e mulleres non entende de retallos que atentan contra uns dereitos adquiridos grazas á democracia” –concluíu.
#nosotrasdecidimos

jueves, 9 de mayo de 2013

As Xuventudes Socialistas de Ferrol reivindican o europeísmo dinamitado polos retallos da dereita



As Xuventudes Socialistas de Ferrol denunciaron hoxe as políticas levadas a cabo na Unión Europea pola dereita conservadora liderada por Angela Merkel e respaldada en España por Mariano Rajoy e o Partido Popular. 

O secretario xeral, Aitor Bouza, advertiu de que “a política neoliberal da dereita xera na cidadanía europea desconfianza e desafección polas institucións comunitarias”. “Non podemos permitir que Merkel e os seus secuaces acaben co sentimento europeo a base de retallos inxustos que asfixian importantes políticas sociais baixo un trasfondo ideolóxico agochado como suposta austeridade”.
En relación a estas reducións orzamentarias, o líder das XSG-Ferrol esixiu á “maioría conservadora que dirixe as políticas da Unión Europea" que “cese de afogar aos estados membros marcando obxectivos de déficit sen ter en conta o sentir e as necesidades da cidadanía”. “O contexto de crise económica actual non pode servir de escusa para atacar os dereitos adquiridos nos últimos anos” –engadiu Bouza.

O secretario xeral defendeu o papel que debe ter a institución na loita contra o paro xuvenil “reintegrando ou introducindo á mocidade no mercado laboral europeo.” Como propón JSE, Bouza reclamou “un Pacto Europeo polo emprego que aumente as partidas orzamentarias centrándose en países como o noso que conta cunha elevada taxa de desemprego xuvenil”. 

"Debemos apostar polos avances no espazo educativo europeo –engadiu Bouza– xa que é o mellor método para acadar posteriormente salarios e empregos dignos. “Temos que potenciar a construción de infraestruturas que impulsen o crecemento económico da Unión sen descoidar as sinerxías noutros ámbitos de tanta importancia como o ensino”.

Bouza amosou o desexo da mocidade de “acadar unha Europa unida que destaque pola axuda mutua dos estados membros en prol dos intereses da cidadanía”. “Temos que constituír un referente dentro da Unión para estender este sentimento atacado polo escepticismo xustificado pola dereita”.

martes, 7 de mayo de 2013

As Xuventudes Socialistas de Ferrol chaman á mobilización masiva contra o neofascismo de Wert


As Xuventudes Socialistas de Ferrol confirmaron hoxe a súa presenza nas mobilizacións estudantís convocadas pola Plataforma en Defensa do Ensino Público contra a Lei Wert para o vindeiro xoves día 9 de maio. 

O secretario de organización, Aitor Rodríguez, presentou as accións informativas que a Organización ten previsto desenvolver os vindeiros días para esixir ao Goberno a retirada da Lei Wert, o fin dos retallos no ensino público e a dimisión inmediata do ministro de educación, cultura e deporte, José I. Wert.

“Temos que denunciar unha contrarreforma educativa do Partido Popular que –segundo Rodríguez– nos devolve ao pasado franquista, implantando de novo as reválidas, outorgándolle máis peso á materia de relixión católica e eliminando Educación para a Cidadanía”. 

Para as Xuventudes Socialistas, “a Lei Wert e os retallos realizados en educación polo Goberno rachan por completo o principio de igualdade de oportunidades que debe imperar na educación pública”. 

O secretario de organización quixo salientar que “esta reforma educativa rompe o equilibro lingüístico que máis consenso obtivo e relega a nosa lingua a un segundo plano”. “A aplicación arbitraria desta Lei suporía un incremento do gasto público en ensino privado” –denunciou Aitor Rodríguez. “É ilóxico que as institucións se vexan obrigadas a custearlle a praza nun centro privado ao alumnado que solicite o ensino íntegro en castelán”.

O secretario de organización asegurou que “de aprobarse a Lei Wert, atoparémonos ante un panorama desolador para o estudantado e o profesorado, xa que o ensino convertirase nunha carreira de obstáculos na que só os excelentes e os adiñeirados poderá estar cualificados.” “O ensino público está sufrindo o maior deterioro da nosa historia a golpe de decretazo e retallo, porén este xoves debemos dicir NON aos abusos deste Goberno” –engadiu Aitor Rodríguez.

“Os mozos e mozas socialistas non imos quedarnos de brazos cruzados ante unha Lei pactada de forma sectaria coa Igrexa que permitirá o financiamento público dos centros que discriminen ao alumnado por sexo, polo que o vindeiro día 9 a comunidade educativa demostrará ao Goberno que a súa reforma é nefasta” –concluíu.

#9Mhuelga
#fueraleywert

lunes, 6 de mayo de 2013

Ampla representación ferrolá no novo equipo da Xuventudes Socialistasde Galicia



Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) celebrou os días 27 e 28 de abril o seu XIV Congreso Nacional en Poio (Pontevedra). Trala votación saíu elixido novo Secretario Xeral Aitor Bouza Manso cun 96% dos votos emitidos.

No seu primeiro discurso coma Secretario Xeral, Aitor Bouza, manifestou a súa postura a favor da elección dos órganos directivos por primarias e que o seguinte Secretario Xeral da organización será elixido por este método. Tamén apostou por “dar solucións aos mozos e mozas formados que teñen que abandoar Galicia por falta de saídas laborais”. 

Describiu a Organización coma “unha organización unida e que contará con todas e todos” así coma o carácter socialista, galeguista e republicano desta.

Na nova Executiva, formada por 20 membros, entra a formar parte Sofía Vázquez Vilachá, membro da executiva local das XSG-Ferrol, coma Secretaria de Medioambiente e Desenvolvemento Sostible.
Julián Reina Villalón, tamén membro da executiva local de XSG-Ferrol, foi elixido como Presidente do Comité Nacional das XSG.

miércoles, 17 de abril de 2013

XSG-Ferrol: “A ministra Báñez está totalmente incapacitada para continuar no Goberno ao descoñecer a situación de milleiros de mozos/as exiliados economicamente”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol solicitaron hoxe que a ministra Báñez deixe o seu posto, despois de reducir a unha mera “mobilidade exterior” o feito certo de que milleiros de persoas deste país se viron obrigados a saír de España na pescuda dun posto de traballo.

Para o secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “quedou demostrado que a ministra Báñez non ten os pés no chan, non debe vivir no mesmo país que os parados aos que debería axudar”. “Os socialistas, a través da deputada María González Veracruz, demostramos que sentimos como parte da cidadanía que somos, que son milleiros de mozos/as que abandonaron o país na pescuda dun posto de traballo, pero non chocamos cunha ministra ou ignorante ou, o que aínda peor, irresponsable”.
Os mozos/as socialistas remarcaron que “do Ministerio que dirixe, se se lle pode chamar dirixir, a ministra Báñez non parou de saír de despropósitos dende hai ano e medio. A cidadanía percibiu que as políticas de emprego están en mas dunha perfecta incompetente, unha persoa alonzada da realidade, que só ve números e non ve dramas persoais e que non só non reduciu o paro xuvenil, senón que empurrou a milleiros de mozos/as a abandonar o país, á precariedade ou a aumentar as cifras do desemprego”.
Dende a Organización concluíron que “unha ministra que tivo que aceptar a regañadentes a garantía xuvenil proposta polas institucións da UE para logo facer en España unha chapuza de plan de emprego xuvenil, unha ministra que se saltou xuntanzas dos ministros de emprego da UE cunha frialdade inaceptable, unha ministra que só é foco de problemas xusto onde o país precisa máis solucións só debe ter un destino: deixar o Ministerio como primeiro paso para que o Goberno se tome en serio o paro xuvenil e o exilio económico”.
Vídeo:

XSG-Ferrol: “O Goberno, como é habitual, cede a favor da Santa Sede para cortar liberdades e dereitos xa conseguidos”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol esixen unha vez máis ao Goberno que cese nas súas intencións de rematar con dereitos fundamentais baseándose en opinións que xorden dende o fundamentalismo relixioso e non do consenso coa sociedade española.

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, afirmou que “cada día é máis necesaria unha separación de Igrexa e Estado, máis aínda en asuntos que non competen para nada á confesión católica. É inadmisible a intromisión ideolóxica que estamos sufrindo por parte deste colectivo, representado nas intolerables declaracións de Rouco Varela”.

Bouza destacou que “os avances en dereitos e liberdades conseguidos nos últimos anos, que nos convertían nun país pioneiro mundialmente, estanse destruíndo a favor dun modelo que quere devolvernos a épocas escuras onde unha vez máis sexa a Igrexa a que tome parte na nosa educación ou capacidade de decidir”.

“Por iso - engadiu Bouza - o Goberno non debe poñer en dúbida cuestións coma o matrimonio homosexual ou a desvinculación da educación católica na escola pública.” “Coas súas visitas ao Vaticano, Mariano Rajoy está apoiando as pretensións de adoutrinamento e influencia sobre os españois da Santa Sede”.

A Organización moza socialista reclama ao ministro Gallardón que retroceda nas súas intencións de modificar a actual lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e de coartar a autonomía das mulleres pois “con elo so pon en perigo as súas vidas e contenta aos sectores utraconservadores, non soluciona o problema real das concepcións non desexadas”.

Os mozos/as socialistas concluíron asegurando que “Rajoy, coas súas cesións ao Vaticano, non so non está solucionando os problemas que realmente interesan aos españois, se non que está coartando as liberdades e os dereitos que lles custou tanto acadar”.