lunes, 2 de junio de 2014

"A CIDADANÍA TEN DEREITO A ESCOLLER A REPÚBLICA NUN REFERENDUM"


Os mozos e mozas socialistas chaman á Terceira República Española xa que consideran que “a xefatura do Estado debe ser elixida libremente e en democracia por toda a cidadanía”


A Secretaria Xeral, Ana Lamas, anunciou que “dende as XSG participaremos na mobilización convocada para hoxe en Ferrol”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol reivindicaron hoxe o seu talante republicano con motivo da abdicación do Rei Juan Carlos I. “A defensa da República como modelo de Estado forma parte da nosa identidade política”. “O recordo dos logros alcanzados no pasado, especialmente durante a II República, é algo que nunca esqueceremos”.

A Secretaria Xeral, Ana Lamas, indicou que “a República debe congregar en torno a ela a todo o espectro político, de esquerdas ou dereitas”. “Debe ser un punto de encontro e convivencia cidadá, un espazo común no que non existan suspicacias nin reproches, senón o compromiso do bo goberno e da virtude cívica, características básicas do republicanismo”.

Os mozos e mozas socialistas denunciaron que “mentres na actualidade en España o xefe do Estado o é por nacemento, a súa persoa é inviolable e non está suxeita a responsabilidade, defendemos unha República na que o xefe do Estado sexa elixido por sufraxio universal e non goce de privilexios inxustos”. “Unha gran parte da mocidade non se sente identificada coa Monarquía porque non forma parte de quen aceptou o seu establecemento, polo que ten dereito a decidir en referendum sobre o futuro do modelo de Estado”.

Os mozos e mozas socialistas propuxeron que “dende a o sentimento republicano comecemos a valorar a importancia que temos dentro da sociedade e a responsabilidade que debemos asumir polo ben común”. “O fin último que trae consigo a República é a consecución dunha cidadanía preparada, libre, igualitaria, que sexa o contrapeso do poder cando este se exerce de costas a ela”. “Por iso –remataron– hoxe máis que nunca, debemos apostar por unha España Republicana”.

Dende as Xuventudes Socialistas concluíron confirmando a súa participación na mobilización en defensa da República que terán lugar esta tarde: “Animamos a toda a cidadanía ferrolá a participar nestas mobilizacións, así como a todos os compañeiros e compañeiras socialistas”

No hay comentarios: