viernes, 13 de junio de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS RECLAMAN QUE AS BIBLIOTECAS PÚBLICAS AUMENTEN O SEU HORARIO NA TEMPADA DE EXAMES

“Os mozos e mozas de Ferrol non teñen unha biblioteca pública que dea unha cobertura adecuada as súas necesidades”
“Parécenos incrible que Rey Varela non se preocupe pola formación dos ferroláns e ferrolás, nun momento tan crítico coma este”
Denuncian a hipocrisía do PP, que alá polo 2008 esixía por medio das Novas Xeracións un horario máis amplo.



Os mozos e mozas socialistas esixen que na tempada de exames as bibliotecas públicas do noso Concello aumenten o seu horario, o cal consideran insuficiente: “Os mozos e mozas de Ferrol non teñen unha biblioteca pública que dea unha cobertura adecuada ás súas necesidades” “Parécenos incrible que Rey Varela non se preocupe pola formación dos ferroláns e ferrolás, nun momento tan crítico coma este”.

Na actualidade as bibliotecas públicas teñen un horario moi limitado e ademais non dan cobertura o fin de semana.

Denuncian que a demanda se suple coas bibliotecas e aulas de estudio da universidade, pero nas cales teñen preferencia os matriculados na UDC: “Habitualmente o aulario está cheo e teñen que marchar todos aqueles que non sexan universitarios da UDC, o Concello esquece ós mozos e mozas de instituto, ós opositores e ós estudantes de ensinanzas non universitarias”, “Xa é o que nos faltaba, co alto nivel de paro mozo do noso concello nin sequera temos sitios en condicións onde mellorar a nosa formación” declarou a Secretaria Xeral dos mozos socialistas de Ferrol.


A Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas, denunciou ademais a hipocrisía do Partido Popular, que alá polo 2008 esixía por medio das Novas Xeracións un horario máis amplo e agora, que moitos e moitas por mor do paro volven a estudar, non cumpren o que eles mesmos reclamaban, quedando demostrado que só lles movía conseguir votos: “é vergoñento que reclamaran unha cousa que agora, estando no goberno en maioría absoluta, nin sequera se molesten en poñer en marcha. A Rey Varela só lle interesaron os mozos mentres lle foron útiles para chegar á alcaldía”.

jueves, 5 de junio de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS REIVINDICAN A LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE


Os mozos e mozas socialistas veñen a conmemorar un ano máis o Día Mundial de Medio Ambiente, promovido por Nacións Unidas, este ano baixo o lema "Alza a túa voz, non o nivel do mar".

A Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas, anunciou que “alzaremos a nosa voz para loitar contra o cambio climático, sumándonos ao maratón de Twitter do #DMMA2014” posto en marcha polo Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), que se desenvolve na devandita rede social estes días, buscando sensibilizar sobre o cambio climático e os desafíos aos que se enfrontan as illas, que serán as maiores afectadas pola subida do mar.

Os mozos e mozas socialistas presentaron a campaña que se levará a cabo nas redes sociais, consistente na difusión de carteis inspirados no célebre cartel británico da Segunda Guerra Mundial baixo o lema Keep Calm and Carry On (Mantén a calma e segue adiante), que as propias Nacións Unidas versionaron este ano para publicitar e animar á xente a participar no Tweetathon. Dende as XSG elaboráronse varios carteis con mensaxes que recollen actitudes e comportamentos cotiás que axudarían a frear o cambio climático, reducindo as emisións de CO2.

A Secretaria Xeral das Xuventudes de Ferrol sostivo que “o Día Mundial do Medio Ambiente é o momento para darse conta de que o coidado da Terra é responsabilidade de todos e de todas, podendo converternos, se queremos, en axentes de cambio”. “O cambio climático é o desafío do noso tempo e as políticas internacionais, comunitarias, estatais, galegas e locais teñen que dar respostas ao problema do quentamento global e as consecuencias específicas que terán en cada territorio”. 


Lamas engadiu que “cómpre e urxen máis acordos internacionais ao respecto e involucrando a un maior número de países, sen esquecer que a acción local e rexional non é menos importante, polo que dende as Xuventudes instamos ás administracións galegas a poñer o seu grao de area poñendo en marcha estratexias e políticas, non só para frear o quentamento global, senón tamén para planificar as medidas de adaptación que nalgúns lugares serán necesarios”.

Os mozos e mozas socialistas concluíron reivindicando “o papel estratéxico das políticas e investimentos públicos para o fomento do I+D+i e, por ende, dos mozos e mozas investigadores, para mitigar o cambio climático e os seus efectos en Galicia, que requiren da acción de tódolos principais actores, e concretamente de investimentos da Xunta de Galicia para facelo realidade no noso país”.




lunes, 2 de junio de 2014

"A CIDADANÍA TEN DEREITO A ESCOLLER A REPÚBLICA NUN REFERENDUM"


Os mozos e mozas socialistas chaman á Terceira República Española xa que consideran que “a xefatura do Estado debe ser elixida libremente e en democracia por toda a cidadanía”


A Secretaria Xeral, Ana Lamas, anunciou que “dende as XSG participaremos na mobilización convocada para hoxe en Ferrol”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol reivindicaron hoxe o seu talante republicano con motivo da abdicación do Rei Juan Carlos I. “A defensa da República como modelo de Estado forma parte da nosa identidade política”. “O recordo dos logros alcanzados no pasado, especialmente durante a II República, é algo que nunca esqueceremos”.

A Secretaria Xeral, Ana Lamas, indicou que “a República debe congregar en torno a ela a todo o espectro político, de esquerdas ou dereitas”. “Debe ser un punto de encontro e convivencia cidadá, un espazo común no que non existan suspicacias nin reproches, senón o compromiso do bo goberno e da virtude cívica, características básicas do republicanismo”.

Os mozos e mozas socialistas denunciaron que “mentres na actualidade en España o xefe do Estado o é por nacemento, a súa persoa é inviolable e non está suxeita a responsabilidade, defendemos unha República na que o xefe do Estado sexa elixido por sufraxio universal e non goce de privilexios inxustos”. “Unha gran parte da mocidade non se sente identificada coa Monarquía porque non forma parte de quen aceptou o seu establecemento, polo que ten dereito a decidir en referendum sobre o futuro do modelo de Estado”.

Os mozos e mozas socialistas propuxeron que “dende a o sentimento republicano comecemos a valorar a importancia que temos dentro da sociedade e a responsabilidade que debemos asumir polo ben común”. “O fin último que trae consigo a República é a consecución dunha cidadanía preparada, libre, igualitaria, que sexa o contrapeso do poder cando este se exerce de costas a ela”. “Por iso –remataron– hoxe máis que nunca, debemos apostar por unha España Republicana”.

Dende as Xuventudes Socialistas concluíron confirmando a súa participación na mobilización en defensa da República que terán lugar esta tarde: “Animamos a toda a cidadanía ferrolá a participar nestas mobilizacións, así como a todos os compañeiros e compañeiras socialistas”